Lei 8/2010, do 31 de marzo, pola que se establece o réxime sancionador previsto nos regulamentos (CE) relativos ao rexistro, á avaliación, á autorización e á restrición das substancias e mesturas químicas (REACH) e sobre a clasificación, a etiquetaxe e o envasado de substancias e mesturas (CLP), que o modifica.

Issuing Organization:XEFATURA DO ESTADO
 
EXTRACTO GRATUITO

JUAN CARLOS I

REI DE ESPAÑA

Saiban todos os que a viren e a entenderen que as Cortes Xerais aprobaron e eu sanciono a seguinte lei.

PREÁMBULO

O Regulamento (CE) n.º 1907/2006 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de decembro de 2006, relativo ao rexistro, a avaliación, a autorización e a restrición das substancias e mesturas químicas (REACH), polo que se crea a Axencia Europea de Substancias e Mesturas Químicas, se modifica a Directiva 1999/45/CE e se derrogan o Regulamento (CEE) n.º 793/93 do Consello e o Regulamento (CE) n.º 1488/94 da Comisión, así como a Directiva 76/769/CEE do Consello e as directivas 91/155/CEE, 93/67/CEE, 93/105/CE e 2000/21/CE da Comisión, establece a nova política europea sobre comercialización de substancias químicas co claro obxectivo de garantir un elevado nivel de protección da saúde humana e do ambiente, así como a libre circulación no mercado interior de substancias, como tales, en forma de mesturas ou contidas en artigos, e potenciar ao mesmo tempo a competitividade e a innovación. Así mesmo, pretende fomentar métodos alternativos para avaliar os perigos que presentan as substancias químicas.

O citado Regulamento (CE) n.º 1907/2006, que se basea no principio de precaución, establece tarefas e obrigas específicas para os fabricantes, importadores e usuarios intermedios aos cales corresponde garantir que só fabrican, comercializan ou usan substancias químicas, como tales, en forma de mesturas ou contidas en artigos, que, en condicións razoablemente previsibles, non prexudican a saúde humana nin o ambiente. Así, a industria faise responsable de xestionar os riscos provocados polas substancias químicas e de lles proporcionar aos usuarios a información apropiada para que as poidan utilizar en condicións de seguridade.

Para cumprir cos obxectivos sinalados, o Regulamento (CE) n.º 1907/2006 constitúe un sistema de rexistro, avaliación, autorización e restrición das substancias químicas, como tales, en forma de mesturas ou contidas en artigos. Ademais, establece disposicións acerca da comunicación, da información dos perigos e do xeito de utilizar a substancia de forma segura ao longo da cadea de subministración.

As disposicións relativas ao rexistro establecen que fabricantes e importadores deberán recompilar información suficiente sobre as substancias que fabrican ou importan, utilizala para avaliar os riscos que as ditas substancias poidan representar e desenvolver e recomendar as medidas adecuadas de xestión do risco. O proceso de avaliación permite controlar se os rexistros cumpren ou non os requisitos do regulamento comunitario e, se é necesario, requirir que se obteña máis información sobre as propiedades das substancias. A autorización persegue que os riscos derivados de substancias altamente preocupantes se controlen de xeito apropiado e que, en último termo, sexan substituídas por outras substancias ou tecnoloxías alternativas sempre e cando sexan técnica e economicamente viables. Por último, establécese a posibilidade de impor restricións á fabricación,

comercialización ou uso dunha substancia, xa sexa como tal ou en forma de preparado ou contida nun artigo.

Ademais, o Regulamento (CE) n.º 1907/2006 mantén a ficha de datos de seguridade como elemento de comunicación dentro da cadea de subministración, ben que a súa calidade se verá mellorada ao proporcionar unha información máis precisa sobre os efectos perigosos das substancias que se manexan nos centros de traballo e sobre as medidas que se deben implantar para que os riscos estean controlados.

Por outra parte, o Regulamento (CE) n.º 1272/2008 do Parlamento Europeo e do Consello, do 16 de decembro de 2008, sobre clasificación, etiquetaxe e envasado de substancias e mesturas, e polo que se modifican e derrogan as directivas 67/548/CEE e 1999/45/CE e se modifica o Regulamento n.º (CE) 1907/2006 (en diante o Regulamento (CE) n.º 1272/2008), establece novos criterios para adaptar o sistema comunitario de clasificación, etiquetaxe e envasado de substancias e mesturas ao das Nacións Unidas (Sistema Globalmente Harmonizado, SGH).

Para que o sistema creado poida funcionar de xeito eficaz, cómpre asegurar o cumprimento das obrigas que emanan dos regulamentos comunitarios. Para tal fin, os Estados membros deben adoptar medidas efectivas de supervisión e control, segundo dispón o artigo 125 do Regulamento (CE) n.º 1907/2006 e o artigo 47 do Regulamento (CE) n.º 1272/2008.

A experiencia adquirida a través da Rede Nacional de Vixilancia, Inspección e Control e do Sistema de Intercambio Rápido de Información sobre Produtos Químicos, establecidos pola Dirección Xeral de Saúde Pública e Sanidade Exterior e polas consellarías de Sanidade das comunidades autónomas, na Comisión de Saúde Pública do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde, así como o traballo desenvolvido no contexto da prevención de riscos ambientais pola Conferencia Sectorial de Medio Ambiente e a Rede de Directores Xerais de Calidade e Avaliación Ambiental, servirán de base para o establecemento dunha actuación coherente no territorio nacional e unha coordinación entre as administracións públicas competentes no control do cumprimento do Regulamento REACH e do Regulamento (CE) n.º 1272/2008.

Os ditos sistemas de información serán, pola súa vez, a ferramenta máis adecuada para difundir as decisións acordadas no foro de intercambio de información relativa ao cumprimento da normativa da Axencia Europea de Substancias e Mesturas Químicas (ECHA) que afecten o control do cumprimento dos tan citados regulamentos.

Dado que do incumprimento do Regulamento (CE) n.º 1907/2006 e do Regulamento (CE) n.º 1272/2008 podería resultar un prexuízo para a saúde humana e/ou o ambiente, nos seus artigos 126 e 47, respectivamente, obrigan os Estados membros a establecer un réxime sancionador por infracción do disposto neles e a tomar todas as medidas necesarias para garantir a súa aplicación. As sancións previstas deberán ser efectivas, proporcionadas e disuasorias.

Para tal fin, no ordenamento xurídico interno español deben adoptarse distintas medidas efectivas de supervisión e control, así como o correspondente réxime sancionador efectivo, proporcionado e disuasorio que permita coñecer con precisión as condutas tipificadas, as sancións e os órganos competentes para instruír e sancionar. Con iso poderase garantir a existencia dun sistema eficaz que permita evitar danos á saúde ou ao ambiente derivados de determinadas substancias químicas.

O principio de legalidade para o exercicio da potestade administrativa sancionadora, que ten no noso ordenamento xurídico rango constitucional de acordo co establecido no artigo 25.1 da Constitución, exixe dispor dunha norma con rango de lei que, con carácter básico, tipifique as ilicitudes administrativas derivadas dos incumprimentos das obrigas establecidas no Regulamento (CE) n.º 1907/2006 e no Regulamento (CE) n.º 1272/2008.

Sendo como se dixo un dos obxectivos e finalidades centrais dos regulamentos comunitarios garantir un alto nivel de protección da saúde e do ambiente, o encadramento destas materias no ámbito dos títulos competenciais xurídico-constitucionais do Estado virá dado polo artigo 149.1.16.ª e 23.ª da Constitución, que lle atribúe ao Estado as competencias sobre bases e coordinación xeral da sanidade, e lexislación básica sobre

protección do ambiente, sen prexuízo das facultades das comunidades autónomas de establecer normas adicionais de protección.

O réxime sancionador que se configura nesta lei, en coherencia cos principios que inspiran ambos os dous regulamentos, concédelles especial relevancia aos aspectos relativos á prevención tanto na tipificación das infraccións como na súa graduación. De igual modo, esta preocupación pola prevención tamén se reflicte na inclusión dun artigo relativo ás medidas de carácter provisorio, no que se lle dá a posibilidade ao órgano competente de adoptar este tipo de medidas para impedir a continuidade na produción do risco ou do dano para o ambiente e a saúde humana, e na habilitación á Administración pública competente para poder executar subsidiariamente e á custa do suxeito responsable as medidas preventivas e reparadoras que deba adoptar cando se produza unha ameaza inminente de dano ou se producise un dano, no caso de que titular non adopte as medidas necesarias ou estas fosen insuficientes para que desapareza a ameaza, para conter ou eliminar o dano ou para evitar danos ou efectos adversos.

Esta lei consta de 15 artigos, agrupados en dous capítulos e dunha parte final integrada por tres disposicións adicionais, unha disposición transitoria, unha disposición derrogatoria e catro disposicións derradeiras. O capítulo I ocúpase das disposicións xerais e regula, en primeiro lugar, o obxecto e ámbito de aplicación desta lei, facendo unha remisión expresa ao contido dos regulamentos (CE) n.º 1907/2006 e (CE) n.º 1272/2008, dado o seu alcance xeral, así como a obrigatoriedade de...

Para continuar leyendo

SOLICITA TU PRUEBA